Sunday 28 de April de 2024

Malpica valora positivamente os resultados da prospección da Croa do Castro de Cerqueda


O goberno local valora as intervencións realizadas nesta contorna e estudará a posibilidade de comezar cos traballos arqueolóxicos: “a realización destes labores permitiunos descubrir un auténtico tesouro na zona, polo que seguiremos traballando para pór en valor este xacemento”.
Malpica, 12 de decembro– Tras cinco días de traballo de campo e varias sesións de estudo, o arqueólogo Carlos Otero Vilariño conclúe que A Croa do Castro de Cerqueda “é unha gran fortificación amurallada con vivendas circulares e camiños interiores” que se ergue nun outeiro desde o que se dominan os vales das aldeas próximas do Ceán e A Aldeola e na distancia toda a cadea montañosa costeira dos concellos de Malpica e Ponteceso. O goberno local valora as intervencións realizadas nesta contorna e asegura que estudará a posibilidade de comezar cos traballos arqueolóxicos: “a realización destes labores permitiunos descubrir un auténtico tesouro na zona, polo que seguiremos traballando para pór en valor este xacemento”.

Muralla e entradas

Unha acrópole, parte superior do castro, de planta trapeizodal está rodeada por unha muralla de cinco a seis metros de grosor “constituída por un dobre lenzo de pedra recheo de terra”. Nalgunhas partes do parapeto, o lenzo exterior é perceptible en superficie mentres que o interior “é unha novidade achegada pola prospección” realizada no pasado mes de novembro.

No extremo SSE, mirando cara a Cerámicas El Progreso, Carlos Otero confirma a presenza da entrada orixinal. Aquí apréciase unha interrupción clara das defensas e unha anomalía transversal que “podemos interpretar como o resto da zona de paso da entrada” informa. Dáse a circunstancia de que actualmente un muro contemporáneo pecha este espazo. Este muro, que está máis limpo e mellor conservado que o resto dos tramos da muralla do castro, non se reflicte como anomalía magnética no subsolo. Polo tanto, dedúcese que “é un muro agrícola de factura moderna”.

Próximo á entrada orixinal, no sector SE das defensas, e coincidindo cun engrosamento e crecemento en altura, que se pode observar a simple vista, aparece na cara interior das defensas unha terceira anomalía lineal, mais débil ou fonda, que puidera indicar unha reforma ou reforzamento das defensas. Para Carlos Otero “esta anomalía podería representar unha obra que tiña como fin facer posible a elevación e engrosamento das murallas neste sector”. Correspondería esta obra “á parte defensiva máis monumental do xacemento”.

Ademais da entrada orixinal, a muralla defensiva ofrece unha segunda interrupción que se aprecia perfectamente en superficie. Otero Vilariño constanta que se trata dunha “construción relativamente recente dun acceso para o laboreo da parcela”.

Por último, na parte contraria á entrada orixinal, no extremo NW atópase a actual entrada ao interior do recinto que “é unha lixeira alteración moderna” pola que subía o gando para pastoreo ou os carros para a extracción de toxo.

Unhas dez de posibles vivendas castrexas circulares

Carlos Otero informa que entre o piñeiro central da Croa e mirando cara á aldea do Ceán se encontraron unhas anomalías magnéticas que poden pertencer a unhas “dez cabanas circulares, de entre 4 e 6 metros de diámetro”. Indica, ademais, que “o seu número, a súa regularidade e distribución fan pensar que na súa meirande parte sexan anomalías fiables”.

Un conxunto de anomalías lineais de difícil interpretación

Apareceu tamén un conxunto de anomalías que non presentan ningún reflexo en superficie e que, polo observado en xacementos similares, “este tipo de anomalías poden responder á presenza de camiños e parcelacións xa enterrados, vinculados a traballos agrarios no pasado” conclúe Otero Vilariño. Aclara tamén que “algunha delas sexa o reflexo de estruturas arqueolóxicas lineais (muros, camiños, etc.)”.

Anomalías de elementos non arqueolóxicos

A presenza dun tendido eléctrico de media tensión na parte W da Croa, polo lado da Aldeola, así́ como de vellos cartuchos de caza, provocou interferencias nunha cuarta parte do castro. Nalgunha ocasión, estas anomalías son provocadas por elementos arqueolóxicos como obxectos de ferro, fornos ou conxuntos cerámicos, pero “non parece ser o caso aquí́” comunica Carlos Otero. Asegurase que a muralla defensiva rodeaba todo o recinto seguindo a mesma fórmula, pois nalgún punto desta banda W se poden ver curtos tramos non sombreados pola contaminación magnética deste tendido eléctrico.

Posibles intervencións a seguir

Con estes datos, Carlos Otero propón “realizar dúas actuacións complementarias”. Unha primeira sería o “pase de xeorradar na zona da entrada orixinal do castro así́ como no barrio habitacional”. A segunda seria “realizar tres sondaxes de 2×8 m para comprobar os resultados das probas do gradiómetro”.

Cando se normalice un pouco en Malpica de Bergantiños a situación do COVID, a Comisión Croa do Castro de Cerqueda manterá́ unha reunión para avaliar este informe e marcar unhas liñas de traballo para seguir actuando neste asentamento da Idade do Ferro.